Motivos xerais e específicos

  • Os criterios legais xerais serían os xerais para calquera actuación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, é dicir, respectar as medidas e principios rectores da actuación administrativa (artigos 10 e 11 LOPXM, en especial artigo 11.2 LOPXM), executar as actuacións de protección do artigo 12 LOPXM, mesmo a atención inmediata e para casos de urxencia (artigos 14 e 14 bis LOPXM) e actuar en situacións de risco e en situacións de desamparo conforme se detallou nos apartados correspondentes desta guía.
  • E, especifIcamente, e en aplicación dos principios reitores da actuación dos poderes públicos de Galicia no exercicio das funcións de atención e protección á infancia e á adolescencia, para a adopción da medida de acollemento atenderase preferentemente aos seguintes criterios (artigos 15.1, 16.2 e 21 LDCG e artigos 69 e 71.2 D):
    • Dar prioridade á utilización do acollemento familiar sobre o residencial: só non sendo este posible ou conveniente para o interese da persoa menor de idade o acollemento familiar pode pasarse ao acollemento residencial (artigo 172.ter CC e 21.3 LOPXM).
      • Esta norma aplícase con máis intensidade aínda a menores de seis anos (artigo 21.3 LOPXM).
      • E non se acordará o acollemento residencial para menores de tres anos salvo en supostos de imposibilidade, debidamente acreditada, de adoptar nese momento a medida de acollemento familiar ou cando esta medida non conveña ao interese superior da persoa menor de idade (artigo 21.3 LOPXM)
      • Só se poderá recorrer ao acollemento residencial cando se esgotaren todas as posibilidades de mantemento da persoa menor de idade na súa familia a través da utilización de todos os recursos preventivos e o acollemento familiar, a constitución da tutela ordinaria ou a adopción non sexan posibles ou se consideren inadecuados.
    • Evitar, na medida do posible, a separación de irmáns e/ou irmás e procurar o seu acollemento por unha mesma familia ou nun mesmo centro.
    • Favorecer a permanencia da persoa menor de idade no seu propio ambiente, procurando que o acollemento se produza en familia extensa, agás que non sexa aconsellable para o interese da persoa menor de idade acollida ou das persoas menores de idade do grupo familiar acolledor.
    • Fomentar as relacións entre a persoa menor de idade e a súa familia natural para posibilitar a súa reintegración a esta.
    • Manter a medida polo tempo estritamente necesario.
    • Fomentar a integración da persoa menor de idade no contorno social e a asistencia aos sistemas educativos, sanitarios e laborais.
ATENCIÓN: Instrución 1/2023 para unificar e homoxeneizar criterios nos acollementos familiares en familia extensa e allea. Para o caso de Galicia, esta instrución recolle estes criterios, ademais de definicións e, fundamentalmente, o procedemento para aplicar, e mesmo as aplicacións informáticas. Esa circular contén tamén as referencias legais reguladoras deses criterios, fases do acollemento, duración e mesmo outros aspectos como traslados entre CC.AA. e aplicación informática. Dee lembrarse sempre que unha instrución pode e debe regular cuestións propias do denominado ámbito doméstico, pero sen constituír unha auténtica norma regulamentaria (STS de 2 de febreiro de 2022, nº 115/2022, recurso de casación nº 86/2021). Situación semellante é a dos “Criterios para os tralados de NNA en situacións de urxencia” de 20 de outubro de 2023.